Os OXMs e as prácticas agrícolas.

por Óscar Antón Pérez García

Un dos temas máis recorrentes na agricultura e na alimentación actual é o emprego de Organismos Xeneticamente Modificados (OXM) ou comunmente coñecidos por Transxénicos. Moitas son as voces que se mostran contrarias ao uso destes cultivos e numerosos os calificativos que se lles aplican: desde atentado contra a biodiversidade até unha presunta perigosidade para a saúde dos potenciais consumidores. Coma con toda innovación é recomendable o principio de prudencia; e este debe asentarse sempre sobre o coñecemento profundo das consecuencias que unha elección deste estilo pode provocar.

Vén a conta lembrar que a normativa europea en xeral sobre Transxénicos é moito máis estrita que a existente nos Estados Unidos de América. Outro tanto acontece cos límites de residuos de produtos destinados á saude animal e vexetal. Isto non garante que sexa necesariamente boa, pero de xeito simplificado podemos dicir que o principio de prudencia mantívose máis estrito nesta beira atlántica.

10786222793_72d125dcef_kContodo, neste tema, a pouco que un observe, é doado comprobar que existen dous puntos de vista diferentes: O biotecnolóxico e o ideolóxico. Se nos achegamos ás redes sociais e as declaracións tanto de colectivos como das empresas que comerializan sementes, abonda moito do segundo e pouco do primeiro, ou máis ben, o debate biotecnolóxico adoita a diluírse entre as numerosas apreciacións político-ideolóxicas.

A argumentación biotecnolóxica máis empregada a favor dos OXM é a de que melloran os cultivos, permitindo introducir novas variedades máis resistentes a factores internos e externos que posibilitarán unha máis elevada adaptación ao medio e incrementarán a sustentabilidade por seren capaces de cultivarse en situacións doutro xeito desfavorables. Algunha das modificacións introducidas melloran o rendimento dos cultivos elevando as extraccións; outras fan que resistan mellor os ataques dos patóxenos; e outras insiren capacidades para xerar compostos vexetais que muden ou aumenten as súas bondades alimenticias ou as súas propiedades biosaudables.

As posibilidades que aportan a Enxeñaría Xenética e a Biotecnoloxía demóstranse moi amplas e non deixan de ser consecuencia da evolución tecnolóxica semellante a que ao longo da historia ten feito o ser humano coa selección manual de certas sementes en detrimento de outras. O trigo, o millo ou a leituga das que consumimos habitualmente, son variedades xenéticas froito do desenvolvemento tecnolóxico de séculos. E non renunciamos a ese tipo de alimentos. A Biotecnoloxía ao operar coas sementes está realizando experimentos a un ritmo e con posibilidades de desenvolvemento moito máis veloces e eficaces do que foi historicamente. Por citarmos un exemplo, un transxénico é o responsable de que as persoas con Diabetes dispoñan de Insulina de xeito eficaz e relativamente barato.

14920848239_de5a85b077_kO marcado carácter ideolóxico do debate impede, moitas veces ver os evidentes beneficios que unha investigación deste tipo podería repercutir na sociedade. A miúdo observamos como moitas persoas que militan activamente contra a proliferación dos OXM na agricultura, adoitan a confundir e mesturar argumentos. Un dos casos máis sinalados é o do glifosato: o emprego masivo do glifosato responde a intereses empresariais (coma calquera ferramenta tecnolóxica agraria), pero non só. Porén non está relacionado coa sementeira de millo transxénico como algunha organización ten feito notar. Trátase dun herbicida de amplo espectro e elevada eficiencia destrutora que se emprega en multitude de situacións. Isto, xunguido a pouco criterio técnico, remata a miúdo no seu uso descontrolado e desde logo nada defendible.

Tampouco as parcelas de millo con carteliños colocados nas beiras das estradas constitúen necesariamente cultivares transxénicos: En realidade trátase de millos híbridos de manufactura industrial, si, de máis que discutible sustentabilidade ambiental e económica, tamén, pero non obtidos por introdución de xenes procedentes doutras especies. Na mesma situación poderíamos situar o pemento, o tomate e algunhas variedades de froiteiras. A selección, fagámola onde a fagamos, ten moito da intrahistoria da agricultura humana e pouco de conspirativas prácticas investigadoras.

9424139556_1929b34f4e_kO verdadeiro problema resede xustamente nos principios capitalistas de economía política que rexen o actual mercado agrario. O capitalismo constitúe unha ideoloxía, unha de moitas solucións económicas, que basea a súa praxe na privatización dos medios de produción: Unhas poucas mans, sen render contas ao conxunto da sociedade, manexan o subministro de bens e os prezos ao seu antollo e sitúan a obtención do lucro por riba do benestar das persoas. A apropiación dos mercados agrarios, ao igual que os industriais e dentro de nada, os educativos e da saúde, forma parte das estratexias do capitalismo. O control do tráfico de sementes, da produción de fitosanitarios e de adubos para a agricultura está nun 70% nesas poucas mans que non responden ao ben común. E aquí é onde a presenza dos OXM representa un problema: Que sexan unhas poucas empresas transnacionais e non a sociedade quen controla a produción agropecuaria, fai que os posuidores da tecnoloxía necesaria para pór en marcha os transxénicos sexan entidades que venden esta tecnoloxía para elevar os seus beneficios, pero que non están interesados en que estes beneficios revirtan na mellora da alimentación mundial.

A vitoria real do uso dos transxénicos é das empresas comercializadoras e responde á renuncia de gobernos e persoas a controlar o seu uso e a esixir situalos nun marco que permita o seu emprego na mellora da calidade de vida e as condicións alimentarias da sociedade. A apropiación das patentes sobre sementes tanto tradicionais como modificadas xeneticamente é a grande vitoria do capitalismo no mundo agrario. E velaquí temos a chave das noces: Comerciar (lucrarse) cos recursos que son vitais para o desenvolvemento humano. Cumpriría, xa que logo, mudar un chisco a óptica do debate e pór o foco onde compete: Devolver ao uso público os recursos que corresponden ao benestar da sociedade.

Voltará a baixar o prezo do leite…

(por Óscar Antón Pérez García)

Sen demasiada poeira mediática e menor atención pública, estes días baixará de novo o prezo que se lle paga ás gandeiras/os polo leite. De pouco serven as medidas para a galería que se toman en inacabables reunións na Consellaría ou no Ministerio do ramo. Levamos toda a vida así pero ninguén parece en disposición de pórlle remedio; as protestas polas escandalosas manobras da industria e da distribución (super e hiper mercados) contra as explotacións agrarias ameazan con facerse parte indisoluble da paisaxe rural, tímidas, cada vez máis pequenas, pero sempre aí. Pode que precisamente por iso, por ser algo habitual, neguemos a importancia que teñen para nós como pobo os problemas do tecido produtivo. E o que é máis grave: Coma quen se afai á dor, parece que a persistencia crónica do feito está a condenarnos á inacción.

Para pórlle números: Galiza produce o 38% do leite do Estado Español, que veñen sendo case 2.5 millóns de toneladas ao ano; esta cantidade distribúese en pouco máis de once mil explotacións. Desde o ano 1990 até hoxe recortáronse o 90% delas e aínda así prodúcese un 8% máis de leite. Contodo seguimos a ser a Comunidade Autónoma onde o prezo de compra ao produtor é o máis baixo.

Desde que temos memoria lembramos as mobilizacións constantes das produtoras/es de leite en Galiza a causa da situación económica á que eran sometidas. Cada ano tras dun período curto de suba dos prezos, a continuación sucedíase unha etapa de baixada máis ou menos suave pero moi longa. Esta situación sostida no tempo contribúe a idea de que o prezo do leite sempre tira para abaixo e en certo modo non lle falta razón a quen así o afirma. Desde o 1990 até hoxe o leite baixou en termos absolutos. Se facemos o cambio euro/peseta, na actualidade o litro do leite págase máis ou menos igual que hai 25 anos. Porén o custo dos factores de produción medra de xeito continuo. A resultas disto a explotación gaña cada vez menos por cada litro que vende. Non fai falta saber moito de economía para decatarse de que o precepto capitalista do crecemento cúmprese para a banca e outros sectores en festa permanente, pero para os ingresos do rural vai de loito ou xoga á pita cega.

Ao ingresarmos na Comunidade Económica Europea dixéronlle a xente de nós que tiña que producir máis e facelo máis barato, que a nosa gandería era pouco eficiente. Tomamos nota: 110 mil explotación botaron o peche nos últimos 25 anos. As 11 mil que resisten, producen máis de leite agora que todas aquelas hai un cuarto de século. Pero cumprir coas esixencias non saiu de balde: Para conquerilo gastouse e moito; tanto que a taxa de investimento nas nosas explotacións chegou a duplicarse a respeito do Estado Español.  Con iso e todo non deixamos de escoitar como se descargan as culpas nas explotacións: Que se producen caro, que hai que mellorar os rendementos,… Como se a política de prezos e mercados ou de infraestruturas fosen decisións tomadas polo medio rural e non polo poder político.

Un dos maiores problemas da explotación leiteira en Galiza atópase nas súas elevadas dependencias económicas: Ademais do esforzo en investimentos realizado (mercar maquinaria, facer establos e instalacións), a explotación leiteira promedio galega adica algo máis da metade do seu gasto total en alimento para os animais debido a que non lle chegan os obtidos na propia explotación.  A razón fundamental resede na escaseza de terra para producir: As explotacións que cesaron transferiron menos da metade da superficie ás 11 mil restantes. Daquela, para suplir a falta de alimentos precísase mercalos. E estes, na súa inmensa maioría, chegan de moi lonxe.

A procedencia dos recursos contribúe de por si ao seu elevado prezo; pero tamén cómpre sumar o escaso control das explotacións sobre a calidade deles e sobre os mercados onde se negocian. Cada vez que os cereais, a soia ou a enerxía para transportalos soben,  paralelamente elévase o custo de produción sen que o seitor leiteiro poda intervir para mudalo.

Para darlle unha voltiña máis, tampouco a explotación posúe capacidade de influír no prezo que lle pagan polo leite que vende. As empresas compradoras establecen unilateralmente ese prezo e nin sequera a primeiros de cada mes a explotación sabe como será. E así desde sempre.

Esta situación dexenera até converterse en dramática nalgúns casos: As labregas/os asumen o risco dos investimentos, exercen o traballo produtivo pero cada vez é menor o control sobre os factores económicos que entran e saen na explotación. Certos axentes do mercado establecen os prezos dos recursos para producir e eses mesmos axentes (im)poñen o prezo de compra do produto, ficando a explotación a mercede totalmente de oscilacións económicas que non é quen de manexar e que pode conducila inevitablemente a unha quebra produtiva.

Pero, quen manexa estes axentes? Quen lles manda botar o freo? Ninguén. Os gobernos en xeral, e o da Xunta de Galiza en particular non están nin se lles agarda. Pese a dispór de competencias sobre a Agricultura e o Territorio, o Goberno Galego en ningún momento realiza o máis mínimo esforzo para conter unha economía e un territorio en desintegración. Non se practican políticas efectivas que poñan freo ao abandono e que estimulen positivamente a transferencia de terra entre as persoas que non a precisan e aquelas que exercen ou pretenden exercer a actividade agraria. E alén de palabras máis ou menos rimbombantes, ningún dos responsables políticos están a exercer labores de contención e control sobre os prezos e os mercados dos produtos agrarios. Os acordos das mesas seitoriais, as presuntas limitacións impostas a industria e seitor distribuidor sempre remantan en papel mollado, chegando a durar simplemente horas. E as explotacións agrarias de Galiza en xeral e as de leite en particular fican outra volta a mercede dos mercados, resistindo e botando man de recursos alleos para complementar as súas rendas.

O papel exercido por parte do Goberno Galego, situando en réxime de competencia entre iguais actores que non o son, é dunha completa irresponsabilidade: As explotacións fican ben lonxe de posuír capacidades de influencia que teñen os compradores do seu produto. E así continuarán aboiando á súa sorte nun mercado onde uns poucos seguen protexendo o seu plusvalor a costa de recurtar un chisquiño máis se cabe a xa de por si escasa marxe do tecido agrario.

Xa se expuxo aquí máis veces, pero non por repetilo imos cansar. Cómpre un modelo político diferente para co medio rural: cómpre controlar o mercado dos produtos agrarios e a súa comercialización. E é imprescindible que o control sexa público. Mentres isto non aconteza, seguiremos contemplando a deriva cara o nada do agro galego. E cada vez con menos marxe.

 

 

Borrador polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación de montes de Galiza.

O pasado 21 de maio, a Mesa da Madeira avanzou no desenvolvemento regulamentario da Lei de Montes de Galiza. Entre outros asuntos, traballouse sobre o borrador de decreto polo que se regulan as instrución xerais de ordenación de montes de Galiza. Está aberto o prazo de alegacións.

O leite (1ª parte).

(por Óscar Antón Pérez García)

Desde mediados da década de 1960 a produción agraria galega experimenta unha forte muda que da lugar a unha especialización, nomeadamente no sector leiteiro. A substitución da cabana gandeira (a dotación de vacas “holstein” ou “frisonas” no lugar de razas autóctonas roibas) leva consigo un incremento no volume total de produción leiteira. Por outra parte, a migración de activos procedentes do rural cara a cidade, implica que as persoas que quedan no rural suplan a falta de man de obra coa incorporación de maquinaria. Ao tempo execútase unha progresiva muda tanto dos traballos como dos cultivos e dos adubos tradicionais. A achega de adubos minerais ao solo mellora algúns rendementos e permite a implantación de novas variedades agrarias. Ao tempo, a especialización leiteira procura o abandono de certos vexetais de cultivo en beneficio da pradaría natural e artificial e do millo forraxeiro, para o sostemento dunha cabana gandeira moi esixente en alimentación.

Produción leiteira galega e do Estado en millóns T/ano

O crecemento da gandería galega aséntase sobre a aportación sistemática de certos vexetais na alimentación animal e na mellora xenética do gando vacún. A vaca pasa de ser un instrumento de traballo que da becerros e leite para sostemento da familia, a ser un activo produtor no que o leite para a familia (para a casa) é un excedente da produción. A este crecemento acompáñao unha elevación da renda disponible por ocupado agrario. De estar nunha economía de subsistencia, pásase a unha economía de produción, na que o leite, a carne e outros produtos agrarios, son mercadorías con destino, nunha elevada porcentaxe, á venda.

O crecemento da especialización leiteira é moi acusado a fins da década de 1970 e primeiros da década de 1980. Coa entrada do Estado Español na Comunidade Económica Europea (CEE) en 1985, o ritmo de produción leiteira conxunto, vese freado. Unha CEE excedentaria precisamente nos produtos nos que se estaba especializando Galiza (leite), supón que se establezan límites de produción (COTAS) no intre no que a gandería galega experimenta unha fase de expansión. A cota imposta ao Estado Español naquel intre fíxase no 75% do consumo interior. Isto é, que nin sequera se lle autoriza a acadar o propio nivel de autoabastecemento.

Comparativa das superficies adicadas a terras labaradas e a pastos permanentes nos anos 1989, 1999 e 2009.

Co sistema de cotas en marcha a produción a nivel galego vese estancada. Unha gandería moi atomizada, con moitas explotacións (por riba das 150 mil en 1985), acometen a produción de perto de 3 millóns de toneladas de leite ao ano. A terra naquel intre é un activo demandado pero difícil de opter. Desde décadas anteriores obsérvabase que o comportamento coa propiedade non estaba a ser o axeitado. As explotacións que cesaban na súa actividade non trasladaban a súa base territorial ás explotacións restantes. A superficie das explotacións que cesaban a súa actividade mantíñase nas mans dos propietarios con varios propósitos. O principal deles (segundo o investigador E. López Iglesias) foi manter a terra como depósito de valor. Outro motivo foi a política, fomentada por parte das Institucións Europeas e Autonómicas, de reforestación de terras agrarias. A causa disto pouco máis dun 10% da terra procedente das explotacións que remataban o seu período de actividade (na década dos 1990) pasara a mans doutras explotacións que a precisaban.

A consecuencia foi o progresivo incremento da dependencia de factores de produción externos. A falta de superficie implicou un maior volume de alimentos mercados nas explotacións que trouxo aparellado un incremento notable nos custos de produción e a inseguridade fronte ao mercado dos insumos de alimentación gandeira. Á súa vez a escaseza de superficie condiciona a obter maiores rendementos por unidade de superficie, situación que obriga a dispor de factores como adubos, sementes melloradas,… Porén, para logralo, é preciso incrementar o gasto nos cultivos e isto vai implicar a elevación do produto final, o leite.

Ao tempo, mentres as explotacións se reducen a un ritmo moi acelerado, non se rexistra unha caída significativa na produción total. As explotacións que permanecen inician un proceso de melloras cunha elevadísima conta de gasto: Establos, almacéns, maquinaria,… Ao mesmo ritmo que descende a poboación rural e se pechan explotacións, refórmanse cortes, edifícanse establos, medra o parque de maquinaria, sube a cabana gandeira. Na mesma época, auspiciada polos sucesivos gobernos, medra a tráfico dos dereitos de produción. A compravenda de cotas foi, nalgúns casos, unha auténtica manobra de enxeñaría financeira que serviu para outorgar poder de instalación a algunhas persoas, ou de especulación en mans a outras. A casuística contén, en ocasións, relatos sobre a compravenda de cota leiteira que non a distanciarían excesivamente de prácticas mafiosas.

O descenso de explotacións acada en 2012 rexistros históricos. Na actualidade quedan arredor de 11.000 granxas de leite en Galiza. Porén entre todas ellas venden 3.2 millóns de toneladas de leite ao ano, o que supón case o 40% da produción do Estado Español. E lógrano sen incrementar significativamente o seu capital territorial, sometendo as terras a un proceso de intensificación fomentado por parte dalgúns modelos produtivos, pero tamén obrigado pola falta de superficie.

Comparativa do numero de explotacións entre o ano 1985 e o ano 2010.

No intre presente estímase que arredor do 30% da superficie agraria útil (SAU), fica en estado de abandono. Mentres unha manchea de explotacións de leite non dispoñen da superficie suficiente, con cargas gandeiras que nalgúns casos se achegan as 3,5 Unidades de Gando Maior (UGM) por hectárea, cifra que supera con moito o límite considerado sustentable para Galiza que poderíamos ubicalo entre as 1,8 e as 2 U.G.M./ha. Esta circunstancia non fai máis que agravar os problemas de dependencia que afectan ao sector e que limitan as posibilidade de desenvolvemento dunha gandería que podería ser ao tempo produtiva e sustentable.

Porcentaxes de superficie ocupada e abandonada.

No entanto a Administración Pública de Galiza sigue sen implementar ningunha aposta en firme por mellorar a estrutura da propiedade. Cuestións como a superficie abandonada, tanto a de titularidade coñecida como aquela que non, non entran na axenda de goberno do partido gobernante. Bótase de menos un plan estratéxico plurianual que conteña apartados como: a investigación da propiedade, o agrupamento das terras, o incentivo pola cesión destas ou o castigo por telas inmobilizadas e tamén a posta a disposición da superficie para as explotacións que a precisan. A curtidade de miras gobernamental non fai máis que insistir en estender nas terras de Galiza repoboacións forestais con especies de crecemento rápido que só traen beneficios á grande industria de pasta de papel ou do taboleiro. E para desgraza dos/as gandeiros/as na actualidade o Banco de Terras de Galiza (BANTEGAL) foi relegado e infradotado, co claro interese de desartellado por falta de uso nun futuro non moi lonxano.

Encol a Lei 7/2012 de Montes de Galiza. 2: as Sociedades de fomento forestal.

A estrutura da propiedade do monte galego caracterízase por unha excesiva fragmentación que dificulta o establecemento de alternativas produtivas tecnica e economicamente viabeis. A rendibilidade das explotacións resulta mínima ou nula, cuns períodos de retorno do investimento demasiado longos. Isto ocasiona un nivel elevado de abandono ou un baixo coidado das superficies forestais (o 82% da superficie arborada non recibe ningún tipo de labor cultural).

Resulta absolutamente necesario establecer mecanismos de reorganización da propiedade ou da xestión da propiedade que resolvan o problema do pequeno tamaño das parcelas e explotacións forestais. Estes mecanismos deberan ser rápidos e eficaces. Os procesos de concentración parcelaria que se levan acometido demostraron ser excesivamente lentos, custosos e complexos.

No ano 2007, coa publicación da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza, estableceuse un novidoso mecanismo de reorganización da propiedade: as Unidades de xestión forestal (UXFOR). As UXFOR eran agrupacións de propietarios e propietarias forestais para realizar a xestión das súas parcelas en conxunto. Os acordos tómanse de xeito democrático na asemblea xeral.

Co cambio do goberno da Xunta no ano 2009, estableceuse un novo sistema de reorganización da propiedade, as Sociedades de fomento forestal (SOFOR), recollidas na Lei de Montes de Galiza e no Decreto que as regula.

Unha SOFOR é unha sociedade limitada que agrupa a propietarios e propietarias forestais que ceden o uso das súas parcelas á sociedade por un período mínimo de 25 anos. Pode incluír tamén a persoas NON propietarias, sempre que non superen o 49% do capital social.

Unha serie de consideracións ao respecto das SOFOR:

1.- A personalidade xurídica é a de sociedades de responsabilidade limitada, o que provoca un aumento das obrigas documentais, tributarias e burocráticas para as persoas que se integren na SOFOR, complicando a súa xestión. As sociedades limitadas requiren dun sistema de contabilidade complexo que non se adapta aos ciclos produtivos forestais.

2.- Permítese a entrada de capital alleo ao monte no capital social da entidade nas mesmas condicións que as persoas propietarias. A limitación do 49% desta participación non garante que persoas alleas ao monte decidan as actuacións a levar a cabo, restándolles capacidade de decisión aos/ás propietarios/as lexítimas da terra.

3.- Ao ser sociedades limitadas, débese formar un consello de administración ou nomear un administrador único. Persoas que nin tan sequera son socias, poden ser escollidas para ese consello de administración. De optar por nomear administrador único, necesariamente terá que ser unha empresa de servizos. Isto non fai máis que redundar na cuestión de que persoas alleas á propiedade sexan as que tomen as decisións sobre as parcelas incluídas na SOFOR.

Insistimos na necesidade da ordenación do territorio e dos aproveitamentos. Somos conscientes do problema estrutural relativo á propiedade (excesiva parcelación, despoboamento, abandono). Mais as solucións que se aporten deben contar coa participación activa e democrática da sociedade; a xente do rural non debe converterse en simple espectadora do planeamento deseñado por entidades que lle son alleas.

Unha nova política (tamén no rural)

(por Óscar Antón Pérez García)

Discutía con varias persoas hai días se é preciso ou non que unha forza política que pretende acadar representación parlamentaria e mesmo constituírse en alternativa debe presentar un programa electoral con planificacións estratéxicas sobre o que se pode (e/ou se debe) facer. Algunha das persoas presentes optaban por unha forma aberta, é dicir, por un acordo de mínimos que presentar á cidadanía e logo, unha vez acadada representación, xa se discutiría os rangos de actuación. O debate centrábase en determinar se algunhas medidas deberan ser froito da planificación política ou non. Algúns/has dos/as presentes insistía en que propor determinadas medidas era simplemente “xestión” e que calquera corpo funcionarial tiña non só capacidade senón a obriga de deseñar e executar esa xestión. Partíase do concepto de que unha forma nova de facer política, unha alternativa ao actual status de democracia, consistía en asignar aos corpos de xestión da administración pública a elaboración de plans estratéxicos como unha atribución que lle debera corresponder en exclusiva.

Porén, os que levamos tempo traballando no rural decatámonos de que non se pode conceder a un simple corpo de xestión da Xunta a elaboración das medidas de planificación a curto, medio e longo prazo. Se por unha cousa se caracteriza o Medio Rural galego é porque ten un carácter de seu, pese ao abandono. Polo tanto precisa de planificación estratéxica en sentido amplo, isto é, fanse imprescindibles liñas políticas propias nun programa de goberno dun partido que se diga cos pés na terra. E neste programa deberan incluírse medidas concretas de actuación para atallar a multitude de problemas que afectan ao rural.

Na Galiza a superficie abandonada achégase ao 60%, sumado a unha poboación altamente avellentada. O abandono xunguido ao despoboamento acada estes niveis despois de case 30 anos de políticas de desmantelamento de todo o tecido produtivo agrario en aras dunha presunta modernización que beneficiou só a uns/has poucos/as. E durante este proceso asistimos precisamente a unha nulidade abraiante das políticas agrarias. A forma de lixiviar ao rural executouse conforme a dúas directrices

1.- Unha directriz social: fomento da deserción de xente do rural, implicitamente coa minusvaloración social do traballo agrario

2.- Unha directriz económica: Subvencionouse o abandono da actividade agraria pero non se implementaron medidas para desviar a superficie agraria liberada cara os activos (persoas, explotacións) que puidesen necesitalas.

A situación actual non require demoras. O abandono da superficie agraria útil, o crecemento descontrolado da materia vexetal nos predios sen cultivo, a falta de mans para traballar, a desorde (cando non o caos) nas estruturas da propiedade, dan lugar a que se vaian sumando problemas que cada vez sitúan máis contra as cordas ao rural.

Fica demostrado que, en Galicia, a taxa de crecemento anual da materia vexetal é dos máis elevados de Europa. Nos predios abandonados este crecemento devén en problemático cando se produce un incendio forestal. A ecuación é sinxela: A máis masa combustible, maior virulencia do lume e maiores dificultades de acceso e tamén de extinción; polo tanto tamén maior superficie afectada.

Por outra parte algunhas medidas implementadas desde o punto de vista oficial (como xa se indicou aquí), non melloran a situación. A repoboación forestal de terras agrarias leva facéndose de xeito irregular desde hai ben anos, mesmo estimulada por parte da Xunta de Galicia. Estas medidas, lonxe de arranxar o problema territorial, non fan máis que incrementar as dependencias das explotacións e os riscos derivados de ter masas forestais de especies pirófitas nas proximidades de vivendas e núcleos.

O abandono altera ademais os equilibrios cos que a poboación galega conseguiu vivir durante anos. A proliferación de especies de crecemento rápido, a súa situación nas zonas onde antes foi terra de labor, inflúe nos réximes hídricos, fai sombra sobre as terras de cultivo e mesmo pode alterar as condicións do solo grazas ás sustancias liberadas. O abandono de certos predios modifica en moitas ocasións os cursos de augas, trocando tamén os sistemas de condución e rega e provocando alagamentos ou secas en terras que previamente eran traballadas.

As circunstancias anteriormente expostas determinan que calquera alternativa política que se presente digna de tal nome debe prestarlles coidadosa atención. E ter a valentía e a capacidade suficiente para elaborar propostas que conten co concurso das persoas no rural. Pero tamén do conxunto da sociedade, dado que se trata dun ámbito que excede os seus límites xeográficos e económicos para converterse nun referente social, económico e ambiental. O medio rural produce alimentos pero tamén xera externalidades que non sempre son economicamente cuantificables e porén deberan ser altamente valoradas pola cidadanía: A posibilidade de fuxir dos espazos urbanos en momentos de lecer, a historia, a arquitectura vernácula, o ambiente, os espazos abertos, entre outros constitúen factores que en moitos lugares do mundo lle outorgan unha relevancia moito máis aló do que economicamente se pode percibir.

Cómpre, xa que logo, unha alternativa política que free primeiro de todo a tendencia ao despoboamento e o abandono. Para isto é preciso derrubar tópicos e lugares comúns asumidos como verdades sociais. Mitos como o apego á terra, as envexas, os conflitos por marcos físicos e mentais medran, en moitas ocasións, froito dun anecdotario que se propaga con rapidez chegando a outorgarlles rango de categoría. A simplificación que se acostuma sobre os traballos do rural, o deficiente concepto sobre as aptitudes para realizalo, a crenza sobre a presunta falta de cualificación técnica e cultural das persoas que o habitan constitúen algúns dos múltiples prexuízos que xogan á contra. Unha forza política que se di transformadora debe coñecer e logo derrubar os preconceptos en aras de virar completamente estas tendencias.

O camiño a seguir debe consistir en redeseñar os espazos, racionalizar as superficies en función dos usos que se requiran e que permitan avanzar en termos como a Soberanía Alimentaria. Precísase unha política decidida que poña en valor os elementos produtivos que xa temos, que estude as necesidades reais, que aposte pola sustentabilidade dos procesos sen esquecer a cobertura das necesidades da cidadanía. Cómpre unha revisión da política de prezos e mercados, procurando rachar a opacidade na que operan e apostando decididamente por que o sector produtor teña máis control sobre os prezos percibidos e sobre a distribución dos seus produtos.

Un programa político transformador que sente as bases do que queremos e como queremos facelo é, xa que logo, unha ferramenta necesaria para o rural. E nese programa tamén debe ir incluída a cidadanía que non traballa e/ou non vive no rural. Constitúe unha responsabilidade colectiva dignificar o traballo das nosas labregas, das nosas gandeiras, pero tamén educar á xente moza sobre cuestións como a produción dos alimentos, a valoración de como e do que custa producir e a sustentabilidade enerxética dos procesos produtivos. Un programa que xere confianza, que conte coa participación labrega pero tamén a participación cualificada do persoal que coñece de primeira man os procesos en aras de atopar novos equilibrios e unha saída á situación actual que nos condena ao desastre.

Encol a Lei 7/2012 de Montes de Galiza. 1: a forestación de terras agrícolas.

O pasado mes de agosto entrou en vigor a Lei de Montes de Galiza, lei que contén non poucos aspectos polémicos na súa redacción. Iniciamos unha serie de anotacións nas que iremos analizando algunhas destas cuestións, propondo en todos os casos alternativas que consideramos máis axeitadas para dar resposta aos problemas que sofre o sector de xeito continuado.

E como non podería ser doutro xeito, comezamos por un asunto de vital importancia: a eliminación da prohibición de forestar terras agrícolas.

Unha das cuestións de maior influencia na permanencia e desenvolvemento das explotacións agrarias é o acceso á terra. Na Galiza vense observando un descenso da superficie agraria útil ao longo dos anos, situándose actualmente nun 25% da superficie total (Fonte: IGE, Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, 2010), unha cifra moi inferior á doutros países europeos. Moita desas terras adicadas agora a outros usos teñen unhas características agronómicas axeitadas para pastos. O desaproveitamento dese potencial forraxeiro repercute na elevación dos custos das explotacións, reducindo as xa de por si pequenas marxes netas das mesmas. Se permitimos forestar terras agrícolas, impedimos que as explotacións podan acceder a un recurso limitado e moi necesario para a continuación da súa actividade. Consideramos que cada cultivo ten o seu lugar e tendo xa case un 70% do territorio considerado como forestal, os esforzos deben ser na dirección de ordenar e xestionar de forma racional e sustentábel esa superficie, sen necesidade de aumentala.

Non está demais indicar que aínda que a Lei de montes permite a forestación de terras agrarias, certo é que establece unha serie de condicións nas que estas plantacións deben ser feitas. Só os terreos rústicos de uso agrícola en estado de manifesto abandono e que estean adscritos a un banco de terras por un período de 2 anos poderán ser forestados, previa comunicación, cumprindo os seguintes supostos: que estremen con terreos forestais, usando frondosas caducifolias ou que constitúan enclaves de ata 5 hectáreas en superficie arborada, utilizando frondosas caducifolias.

Polo tanto, todas esas plantacións que están a aparecer, usando maioritariamente como especies arbóreas piñeiro e eucalipto, e realizadas sen comunicación previa á Administración, seguen a estar fóra da legalidade.

Ampliada a época de perigo alto de incendios

A Xunta de Galiza amplía ata  o 15 de outubro a época de perigo alto de incendios forestais debido ás condicións climatolóxicas. Lembrar que non se conceden permisos de queima durante este período.

Mais convén reflexionar sobre os incendios forestais e o porqué de que se produzan, procurando solucións a este grave problema. Achegamos este documento elaborado por Mariam Ferreira Golpe e Óscar Antón Pérez García que, a pesar de ser publicado en setembro de 2010, consideramos de plena actualidade e vixencia.